así doe novembro
así doen as moas apretadas contra ti, coma un barco,
unha traxedia para un pobo,
ou o recordo dun membro fantasma. doe
porque non te das ido aínda que marcharas,
e non hai bálsamos para o baleiro dun amputado.
nin sequera doses xustificadas de codeína
contestan as miñas mensaxes.
nunca preguntas.
por min. nunca preguntas por min.
así doe a praia na que nos coñecemos.
toda ela cábeme espesa nos petos do abrigo
e entérranse as mans entre as cunchiñas, facéndome cortes.
sabes que sangro polas mañáns?
pequenos cortes invisibles que deixou todo o que vén despois da marea.
así doe novembro,
e máis.
inmenso.
onde o mar rompe contra as rochas
novembro doe inmenso.
ali é onde máis manca
que non che sexa
nin sequera un recordo.
***
maria lado
*
de Nove". María Lado. Edicións Fervenza, 2008.
esta é a casa nova dun día dourado polo sol
vou ficar aquí a facer café
eu cheguei de non ter unha fala e neno a casa caéme no regazo
xa sabes que me fai chorar como unha imbécil
alugamos unha tarde dourada e a casa nova saeunos pola boca
estaba alí toda o sol que nunca vira
repousando no bico das lousas
***
maria lado
*
cuqui é pequeno de máis para ser un osiño de peluxe
e cáelle o naris
por iso non lle gusta ir á lavadora
nin que mamá o colgue a secar polas orellas ademáis
bótame de menos durante o centrifugado e eu a el
¿e se lle doen? as orellas ¿ e se lle doen as orellas das pinzas?
ou estar só tanto tempo na trandeira
e eu a el
sobre todo hoxe que é luns e ti estás tan lonxe
así que o meto húmido debaixo das sabas e apértoo
para que non chore máis que eu sexa xa grande
que me gusta porque sei que me quere pequeno
como só poden querer os osiños ós nenos
que lle perdoan ata a dor das pinzas
como sei que ti e eu nos queremos
***
maria lado
*
o bote do azucre
este bote
porque nunca o nomeamos mellor
é cárcere de vidro de conversas e favores dos vecinos insomnes
director do preludio para ferrada e pocillos
eles saben do que falo
do bote ó que lle comemos a médula a culleradas sen respiro
cadáver que enterramos en doce para non ulilo a podrecer
velo descarnar sabelo falando
entre as follas de caña pechadas ó vacío
é a hora do café para o inquilino alúgame ti un pouco de cariño
gústame porque hai pouco que viñestes
que aínda está
a culleriña dentro.
***
maria lado
cee (a coruña), 1978
*
os ollos cansos e o babi azul e branco
genoveva mírase na fiestra do coche de liña
na bolsa do claudio van un plátano e dúas laranxas
mírase e cóntase en mareas genoveva,
nas mans batidas leva a dor das navallas
anos de moluscos mortos trábanlle nas puntas dos dedos
desfánselle en area da ribeira os xeonllos
e o salitre dos algazos cómelle das puìlas secas
con todo
genoveva ten o mar aniñado no peito
arrólao entre os brazos as mañáns de temporal
e gárdalle respeto polo fillos que lava na carteira
e porque sabe
que a súa vida toda
cabe nunha bolsa de rede
e vale o que unha boa mañán de lonxa
o coche para
e roda unha das laranxas ata os pés do conductor
genoveva baixa
do outro lado
o día érguese por detrás de fisterra
***
María Lado (1979)
Cee - Coruña
************************
...da muller que foxe dos peitos...
Teño mentiras amarradas á traquea
por iso cuspo en intentos de anorexia.
Teño unha bala proxectada no peito
e bótasme sal na ferida aberta.
Teño medo de que non saibas coser
con teas de viúva negra o meu corpo.
Teño o embigo medrado de medo
para alugarte mellor, se vés de roxo.
Teño cogomelos do pan no útero
teño queixo con furadiños nos pulmóns
teño chícharos insomnes entre as costelas
teño un virus publicitario na autoestima
teño instintos que me psicanalizan
teño sorte...de que me teñas.
***
María Lado (1979)
Cee - Galiza
******************************
...da mulher que foge dos peitos...
Tenho mentiras amarradas à traqueia
por isso cuspo em intentos de anorexia.
Tenho uma bala projectada no peito
e pões-me sal na ferida aberta.
Tenho medo de que não saibas coser
com teias de viúva negra o meu corpo.
Tenho o umbigo medrado de medo
para alugar-te melhor, se vens de roxo.
Tenho cogumelos do pão no útero
tenho queijo com buraquinho nos pulmões
tenho chícharos insones entre as costelas
tenho um vírus publicitário na auto-estima
tenho instintos que me psicanalisam
tenho sorte...de que me tenhas.
[trad: cas]
adelia prado(5)
adilia lopes(8)
al berto(6)
alba mendez(4)
anxos romeo(4)
augusto gil(4)
aurelino costa(11)
baldo ramos(6)
carlos vinagre(13)
daniel maia - pinto rodrigues(4)
fatima vale(10)
gastão cruz(5)
jaime rocha(5)
joana espain(10)
jose afonso(5)
jose regio(4)
maite dono(5)
manolo pipas(6)
maria lado(6)
mia couto(8)
miguel torga(4)
nuno judice(8)
olga novo(17)
pedro mexia(5)
pedro tamen(4)
sophia mello breyner andressen(7)
sylvia beirute(11)
tiago araujo(5)
yolanda castaño(10)
leitores amigos
leituras minhas
leituras interrompidas