pousei a miña boca na palma das túas mans
e dixen dáme alento preciso de saber
que aínda sigo vivo que van os días novos
camiño dos estíos levando un voo de noites
de tardes consteladas que habían de murchar
pois todo murcha e deixa sabor de hortensia escura
e dixen cando vén que hora está marcada
que prazo teño agora e como se presenta
e ti como unha sombra deixáchesme pousado
nun leito que se erguía que daba para o mar
e viñas a sentir que a vida andaba lenta
que a morte debuxaba camiños de penumbra
leváronme daquela por longos corredores
por páxinas que lera por fíos que deixei
vertendo dun novelo de líquidos e sombra
e souben que eran días caendo para atrás
reloxos que soaban a pan de trigo verde
a ponte inacabada
e díxenme dicíndoche que noite máis estraña
que tarde se nos fixo que lonxe fica o mar
que lástima de cuartos de hotel ensanguentado
quen limpa tantas horas caídas por aquí
quen enche con lixivia os baldes e as cisternas
***
manuel forcadela
*
seguiu eses camiños buscando unha lanterna
algún deses trebellos que deitan unha luz
e furtan por un tempo a escuridade
e soubo que eran épocas de sombra
o campo estaba inzado de xente a camiñar
cos brazos alongados apalpando
e daban entre todos a impresión
de seren cegos loucos
dementes que perderan o don da claridade
os rostros que esqueceran os seus ollos
e puido comprender que se chamaban con nomes de misterio
palabras nunca antes pronunciadas
vocábulos que os ventos roubaran nalgún pozo
e frases como enigmas
entón saíu o sol e todo foi igual
ninguén podía velo
e ían camiñando cara ao río
caían polas beiras dos regatos
morrían afogados
e el púxose a berrar
e viñan cara a el
quen sabe o que entenderan
e víanse nas linguas labirintos
e tiñan entre os dentes o solpor
da torre penduraba o corpo dun suicida
***
manuel forcadela
*
Non teño un son de frauta remoto na memoria
que diga cando foron fundados os acuarios
nin deite sobre os vidros debuxos de mazás,
anacos dun discurso cantado polos anos.
Non teño nin sequera un fío de tecer
os restos dunha corda que outrora me anoase
ao centro dos navíos ao pé dun alto mastro.
Non teño, por non ter, sequera unha palabra
que poida restaurarvos, fundarvos novamente,
oh brillos dos meus anos perdidos sen querer,
sen ter sequera aviso, noticia de que ían
fuxir por entre as sombras no fondo dos faiados.
***
manuel forcadela
forcadela - tomiño (galiza), 1958
*************************
adelia prado(5)
adilia lopes(8)
al berto(6)
alba mendez(4)
anxos romeo(4)
augusto gil(4)
aurelino costa(11)
baldo ramos(6)
carlos vinagre(13)
daniel maia - pinto rodrigues(4)
fatima vale(10)
gastão cruz(5)
jaime rocha(5)
joana espain(10)
jose afonso(5)
jose regio(4)
maite dono(5)
manolo pipas(6)
maria lado(6)
mia couto(8)
miguel torga(4)
nuno judice(8)
olga novo(17)
pedro mexia(5)
pedro tamen(4)
sophia mello breyner andressen(7)
sylvia beirute(11)
tiago araujo(5)
yolanda castaño(10)
leitores amigos
leituras minhas
leituras interrompidas