Despois do mimetismo, acordei
nun animismo anímico
o tiro de graza
as tres grazas dos tiros,
a ruleta, a roulotte, o azar do día,
a froita achada no verán
os gomos do xugo,
salivación, esmagamento,
fregas na noite prístina, o principio das
as augas minerais, as capas freáticas
descubertas, femia. Solimán, deidades das
dedas, exvoto de …, apostada nos xeonllos
reza por min, coa boca chea,
oración e comuñón,
a ferradura da amazona,
o inferno do pan, as farangullas do pole,
os xogos florais
a flora vaxinal
a rosa universal, a vixilia,
a nave do tesouro púbico,
rubís de cuspe despois dun punch
because the night, because the night,
o goberno, as células mortas, a obsolescencia e a
adolescencia, as neurotoxinas, os resentidos,
os sensentidos, desmentidos, as eivas nas lembranzas,
a memoria impredicible, un erro
tras outro, errar, de vagar, cuspida, igual,
despido masivo, despedida, adeus,
arrédase de min, arrédome das balas
co sangue mesto
coa carne de éter e
de bater,
unha xornada de soliloquio,
de loanza, rancor, fogo
no sexo, resisto, resistencias
as correntes do amencer
as correntes dos golfos,
a República invade
o anticiclón das Illas,
o arquipélago, a orografía,
o corpo das musas a corpo.
o corpus de pétalas,
rescaldos, recendos
por San Xoán
nos procesos, na febre,
os chamados, os debates sobre o ser, as lerias na sala
de estar, logo... na cociña
menú de marmelo, peitos nutricios
de gozo, de louza,
ata os hemisferios, a vulva,
mapa político,
a división de Eire,
materia gris, borralla, antimateria
pensamentos. Stream consciousness.
Unha canción materna
unha canción de nodriza. O sono
e a patria do mesmo xeito,
e un pitecátropo para Lucy.
Preguntome se anda inda Rotko
ás portas do bosque
dos crimes?
Que se vaia xa!
Olla! Abaixo, alguén chama! O meu corazón bate na porta. Logo
praza, agora, a praza do sintagma,
a protesta da turba, combustible dos pobres,
acubillo, turbillón, mulleres en loita,
amosando documentos, identidade,
estranxeiras, gardadas, segredos,
discreción(disparos), confesión,
ronsel, resistencia ó lume, irresistibles,
coloña de himnos, cartaz,
a verea longa cara dentro, humores,
noite pecha.
Paracelso, nacionalidade
complexa, sen complexos no plexo solar,
sen novidade na fronte do Ebro,
ardentía das nacións indias,
a volta ó rego, a verea longa do xenocidio
a xenética dos salaios, o xénese, os libros de contas
os números, os nomes, o noumeno, non saber que dicir
escribir logo, escribir e pintar
nas cavernas, nos baños das gasolineiras,
palimpsesto on the road, a sexualidade
nos turismos, a velocidade limitada
nas autoestradas, a peaxe sentimental,
a beatificación da risa, e os accidentes
de tráfico nas flores das farolas.
As salas decimonónicas, lenzos,
caloriña para homeless,
os descastados das mellores tribos, sofás,
os oleos da Gallery
santos oleos, aceite de balea, a manteiga derradeiro tango,
unción, punción.
Domingo, señor, o estigma das escrituras, as fontes
da escrita, o círculo polar,
o circo, os colosos atlánticos, aureolas, pupilas
rotación vermelloalaranxada,
diademas encarnadas sen himen,
sufís, místicas,
as escravas circasianas
os circuitos, a circulación,
o rego sanguíneo, o sangue a regos, a vinganza
circunvalación, circuncisión, as achegas
do coito e os coitados ó cristianismo,
a caza da raposa dacabalo,
as receitas da sobremesa
as receitas do cobrecama
o interiorismo
as paredes de papel
o corazón de papel dos poetas rusos,
o almibre das relacións, o botulismo
dos pexegos nas meixelas, o corpo, o ser humano
o sentimentos xenealóxicos,
o sufraxio sentimental, as mensaxes de móbil
as declaracións de intencións, os dereitos civis, os membros,
os mastros, os fungueiros.
Amigo, caro amigo, Saúl, estou moi só no monte
***
x.m. vila ribadomar
*
19 de abril 2013
adelia prado(5)
adilia lopes(8)
al berto(6)
alba mendez(4)
anxos romeo(4)
augusto gil(4)
aurelino costa(11)
baldo ramos(6)
carlos vinagre(13)
daniel maia - pinto rodrigues(4)
fatima vale(10)
gastão cruz(5)
jaime rocha(5)
joana espain(10)
jose afonso(5)
jose regio(4)
maite dono(5)
manolo pipas(6)
maria lado(6)
mia couto(8)
miguel torga(4)
nuno judice(8)
olga novo(17)
pedro mexia(5)
pedro tamen(4)
sophia mello breyner andressen(7)
sylvia beirute(11)
tiago araujo(5)
yolanda castaño(10)
leitores amigos
leituras minhas
leituras interrompidas