(de algunha maneira)
E se o teu non fose máis que a luz do instinto
que te impulsionou a abrir a pel que herdache
e nacerte do mar
para dar forma ao asubío do vento
que traía consigo as túas voces anteriores
para poderes escoller entre as posíbeis
como unha raíña que se mira as uñas
e finalmente feliz decide o exílio miúdo
dunha existencia en carne de sentir
de tanto e tanto irse esfregando
contra a dura pedra da certeza do chan
coas súas fames e sexos e flores defecadas
mais co pracer arrasto envolto a nudez
na nudez dos corpos que procura?
(Enton)
Tras a primeira muda
crin verme no espello da televisión pasar como de lonxe
porque eran multitude e a metade dos rostos case o meu
Na observación deixei medrar en mim as formas suaves
e os cabelos longos
como os partos das naisque me deron criado
Imprevisivelmente a somnolencia e a humidade
cantaron a melodía nupcial
mentres as carnes bifurcábanse e abríanse
xemelgas en min mesma que me miraba pasar
como de lonxe
con un só vacio insomne onde era o ventre
un vacío que se enchía co que minguaba da lúa
e se menstruaba despois como un tributo
de cabezas degoladas
Do cansazo de que se me permetese bailar
até atinxir unicamente un trance secundario
insubmiuso en min quixen un fillo e penetrarme
(En consequencia)
Romper masculina a forza das espadas
a razón dando a razón, a lingua o lume
descoñecer cruel o ámbito da sombra
ser todo luz e inmortal sen sepultura
facer a guerra porque si e porque os outros
reter na man o ouro en cada rosa vencida
E cando chorase por cada cuarto de lúa
soñar un deus confidente e variábel
un deus sen alma como un reloxio parado
que me deixase pasar
na súa distracción
sen perguntarme
(E así)
Na encrucillada das rotas viñemos a encontrarnos
ti eras eu e eu viña de lonxe
para recoñecerte fóra da nimiedade do tempo
Os nosos ollos abriron fascinados as fauces
para que a vida no fose máis alá de onde o desexo
asestando o seu golpe mortal
Na cópula tragamos cada un o corpa da outra
e ficamos as dúas cabezas sen saber o que dicerse
Deste modo inventamos a conspiración do pensamento
que abriu as asas poderosas nun paréntese
entre as constelacións dos campos magnéticos
Aí escribo eu
sobre a pel seca dos corpos vacíos
detida a morte apenas na traxectoria do vóo
buscando pola transformación a luz primeira.
***
luísa villalta
a coruña, 1957 -2004
**************************
adelia prado(5)
adilia lopes(8)
al berto(6)
alba mendez(4)
anxos romeo(4)
augusto gil(4)
aurelino costa(11)
baldo ramos(6)
carlos vinagre(13)
daniel maia - pinto rodrigues(4)
fatima vale(10)
gastão cruz(5)
jaime rocha(5)
joana espain(10)
jose afonso(5)
jose regio(4)
maite dono(5)
manolo pipas(6)
maria lado(6)
mia couto(8)
miguel torga(4)
nuno judice(8)
olga novo(17)
pedro mexia(5)
pedro tamen(4)
sophia mello breyner andressen(7)
sylvia beirute(11)
tiago araujo(5)
yolanda castaño(10)
leitores amigos
leituras minhas
leituras interrompidas