Xa o sabedes, sentiredes o mundo baixo as asas, o verán inflamado das estepas e nós aqui voando sobre as praias e as tundras, alegres como príncipes. A fragancia afiada do verán, como as casas que vemos e os espellos ondulados. As aspas que dan voltas como brazos de náufragos. Eu son aviador e salto do aeroplano berrando somos librés e sinto un reino de ardentias baixo as pernas, un muiño de borbullas baixo o mar. Nadar na tarde branca, que pronto pasa todo, verémonos na festa. Queimaban pola pel as vacacións, o teu biquíni cosido por abellas. Xa sabedes, prometín os oceanos e só vin a luxuria que esmaltou a primeira nudez nalgún faiado. Xa vedes, a saliva crecía pólo corpo com sosego salgado. Baixo da fuselaxe escaldaba a lucidez e os meus verbos eléctricos. As hélices dicían: planta a haima na casa, unha tarde de cobre no apetito. Asín o fixen e seguimos voando. Accedimos ao estío, a outra estirpe de páxaros. Pasaron moitos anos. Morreron os amigos. Os veráns enchéronse de musgo e de argazo moi seco. Eu sigo deitado nunha onda. Soño com pisar terra firme e atopar novamente os camaradas. Queimar o bagazo no areal cantar lindas cancións que xa non se interpretan. Descubrín que vivir é dar o corpo ao sol e arder todo por dentro. Samil, Samil, a vida estivo aqui e queimou as palabras. Agora xa o sabedes, a primeira mazá arde na boca.
***
román raña
vigo, 1960
****************
adelia prado(5)
adilia lopes(8)
al berto(6)
alba mendez(4)
anxos romeo(4)
augusto gil(4)
aurelino costa(11)
baldo ramos(6)
carlos vinagre(13)
daniel maia - pinto rodrigues(4)
fatima vale(10)
gastão cruz(5)
jaime rocha(5)
joana espain(10)
jose afonso(5)
jose regio(4)
maite dono(5)
manolo pipas(6)
maria lado(6)
mia couto(8)
miguel torga(4)
nuno judice(8)
olga novo(17)
pedro mexia(5)
pedro tamen(4)
sophia mello breyner andressen(7)
sylvia beirute(11)
tiago araujo(5)
yolanda castaño(10)
leitores amigos
leituras minhas
leituras interrompidas