coma se as pupilas derretidas con areas de sal e de lixivia.
se amence e che din este sol recortado dos teatros de ópera
oh titiriteiros vendedores de trapos exhaustos de restos de comida
quincalla dos últimos suburbios
alcol que disemina arañas pola gorxa
iluminados nos bancos dos parques
intelixencia entregada ós tiros e á carcoma. velaí.
pero con isto se soldaban os ósos ós vinte anos.
no templo comérciase co teu amor.
-cámbioche un poema por un cromo de xogador de futbol.
un poema con rima por unhas gafas de sol.
un poema de alexandrinos por ese colar de mentira.
no templo comérciase co teu amor.
pero Antes a Vida.
antes a vida a folga do meu nome a manifestación en alto
do primeiro momento
dos amantes.
antes ela cá estraña distancia interposta
entre tódalas mentiras e o meu clítoris.
Antes a Vida.
e mesmo cando semella que
antes a vida antes
o destrozo da muller que frega os pratos no centro do teu corazón.
antes o teu violín que descende ó pracer dos teus beizos
un día
a extremidade dos concertos sobre o frío de Laponia.
Antes a Vida.
aínda sabendo que trocarían os versos por unha bolsa con trece moedas.
que con cada unha delas fabricarían mitos para salvar a patria.
antes a vida para contemplar contigo esta última noite
antes para que meu pai escoite o ventre dos seus animais
respirándolle dentro
a aldea minúscula que se me cae a cachos por dentro dos abrazos
Antes a Vida.
que está o meu avó queimando igrexas no centro do meu útero.
por iso antes levaremos a cabo a experiencia do amor nas cunetas
o estremecemento de terras nas orxías
tan só inundar a praza pública co seme que deixas neste verso.
ou tan só pechar os ollos sobre a tormenta adorable
que tén por nome a túa man.
antes ela cos seus fusís de fame no seu cancro de ovarios antes ela.
choverá sobre nós sobre os cabalos da miña memoria
sobre as tellas da nosa historia sen casa
sobre a vulva da muller que violaron cando poñía flores
na tumba do meu libro de versos.
antes a vida como a miña mai derramando mapoulas en xaneiro
ou simplemente coma min
dentro dela
desgarrándolle placentas
en xaneiro.
e como todo foi dito xa
Antes a Vida.
***
Olga Novo
Pobra do Brollón - Vilarmao (1975)
*********************
adelia prado(5)
adilia lopes(8)
al berto(6)
alba mendez(4)
anxos romeo(4)
augusto gil(4)
aurelino costa(11)
baldo ramos(6)
carlos vinagre(13)
daniel maia - pinto rodrigues(4)
fatima vale(10)
gastão cruz(5)
jaime rocha(5)
joana espain(10)
jose afonso(5)
jose regio(4)
maite dono(5)
manolo pipas(6)
maria lado(6)
mia couto(8)
miguel torga(4)
nuno judice(8)
olga novo(17)
pedro mexia(5)
pedro tamen(4)
sophia mello breyner andressen(7)
sylvia beirute(11)
tiago araujo(5)
yolanda castaño(10)
leitores amigos
leituras minhas
leituras interrompidas