Era Galicia un puro val ou oco
de densidade verde e fume morno.
Era Galicia a chaira mais espida,
inerte néboa sobre illó de lodo.
Era Galicia esguío vento agudo
encrequenando en si tódalas cousas.
Era Galicia un arbre lentamente
ensumíndose un pouco cada hora.
Era Galicia un mar cen abós de terra
sen vengar, mudos ecos que nos moven.
Era Galicia un mar perfectamente
denso, sen luz e con sabor a homes.
Era Galicia a patria do traballo
de nunca terminar, pola boroa.
Era Galicia un home sen cabeza.
Era unha vez Galicia, espranza angosta.
***
Xosé Luís Méndez Ferrín (1938)
Ourense - Galiza
***********************************************
OH, FERMOSA ESTRUCTURA
de soños, pedra e ceo,
de pórticos de sombra,
e habituados silencios:
tempo de eternidade
nos eidos do misterio
onde a penas máis nada
son xa que o meu esquenzo!
***
Salvador García-Bodaño (1935)
Teis (Vigo) - Galiza
**************************************
Levo o brío vizoso dun primitivo deus
dentro das miñas mans pombas trucaces.
Esencia e forza e berro de salvaxes devesas.
Fouce de ás no azul segando viño
esta ollada de Deus na pomba brava.
Atafego en min mesmo, asoballante,
a pomba que me esgaza;
e son lecer de longa carballeira
bébedo de ronseles polo lume.
***
Antón Avilés de Taramancos (1935 - 1992)
Taramancos - Porto do Som - Galiza
*********************************************
Nada máis entreabertos os ollos
danados polo sol, a claridade restitúe
essa visión de casa nas orelas,
limoeiros e mastros.
Doce mar axustado como se fose anelo,
Sobor do gran espello os arroaces
mentres se abren azuis e mil músicas.
Como o home pregunta se isto é felicidade
e abriga o corpo incauta paz, día de verán ...
Sucede algo inconcreto, que non dura,
faime sentir a mediodía soa
e as incribles Cíes
pola miña xanela.
***
Xohana Torres (1931 )
Santiago de Compostela - Galiza
**************************************
Es de noche y con tus cerillas hago un faro.
Veo como tus velas siempre tendrán un viento.
Eduarda Lillo, 1964
1 Só aves e peixes van cas augas.
Desafeitos da Terra viaxamos sin o mar.
Os ceos sin o Ceo.
O Ceo que só volve cos embates
fainos antigos com-as palabras.
2 O soño didiante
seguro do espacio e da luz
sempre cara as illas do sol
às terras felices da doada certeza.
3 Invertímo-lo camiño.
Imos
i en nós regresan tódolos que viñeron.
4 Costas pobres.
Non non iñoramos que o camiño é o camiño
perdída-las rotas
e que o mar é o mar
indo pros que van
inda pros que volven enteiros de lonxe.
5 non buscamos engañarnos co soño
mai~lo home semella pra outro destino.
Xa mares e mapas están nos seus ollos.
Sempre estarás Grecia tra-las nebras i as augas.
6 Anque volva só co viaxe feito
non foi pobre o empeño i a certeza en chegar
que así nos sostuvo
cando as augas buscaban a quilla
comprobaban as cuadernas
e relvavan
o van.
7 Chegamos eiquí con esta forza
e agardamos non perdela xa
por maior embate ou escuro longo.
Sabemos que o misterio i a necesidade nos protexen
e coma na profecía feita ca nosa luz
cando un mesmo non vía
volvemos
volveremos proclamar a certeza.
8 De tódalas naves cabalos e carros que parten
sai un canto de permanencia.
Lonxe se vei do cimo do pulo
e hai singladuras que nin precisan do mar.
***
Uxío Novoneyra (1930 - 1990 )
Parada de Moreda - Lugo - Galiza
*******************************************
Os factores de callado
Do meu sangue son antagónicos
E debuxan molecularmente
A esencia, do meu eu
Biolóxico e funcional
Son atómica celular
Evolucionada nun longo proceso
Dunhga cadea infinitesimal
De dobre hélice
Son um millón de moléculas
Diferenciadas e especializadas
Que viven no espazo, tecido
Entre a forma líquida
E a fracción forme
Dun ser individual, que respira
Poesía, nunha combustión enerxética
Que me dá vida
***
rosanegra (Rosa Martínez Vilas) - 1974
Armenteira - Galiza
***********************************
A percepción do teu corpo
é metricamente
perfecta
Os números de unha aproximación
bastante exacta dos volumes
Quero que aparezas no índice deste libro
de esixencias
cunha man posta no epicentro
Xusto no centro
Espero que frecuentes a proporción inequívoca
do desexo
e informes do punto seguido
que nos concirne
saciando apetitos
trala porta pechada
Recluídos, absolutamente entregados
á paixón
recoñecendo a boca que encaixa
noutra boca
e que inicia o capítulo das escenas
+ QUENTES
***
Cruz Martinez Vilas (1960)
Armenteira - Galiza
*************************************
Os teus paxaros choven miudiño
sober das miñas arbres, e tamén
sober distes meus beizos que che cantan.
Eu fago conta de que son da terra,
ou son unha silveira no teu colo,
na túa veira de aire e peixes
louros.
Recibindo o sabor da túa
paisaxe
- húmidas aves, novas, do
teu peito - ,
eiquí estou, meu amor,
eiquí me choves.
***
Luz Pozo Garza (1922 )
Ribadeo - Galiza
****************************
Ela andaba á beira da sua fiestra, tan cursi!,
que tiña laranxas verdes e un abano com paxaros.
- Que vidro nasceu naquela goteira que toda a
noite soa a vals?
Ela tiña unha alma inxel chea de pontas de dedos
e no branco dos ollos levaba un horizonte de tangos de
acordeón.
Ela andaba a namorar.
***
Alvaro Cunqueiro (1911 - 1981)
Mondonhedo - Galiza
************************************************
Un procura a verdade
por tódolos camiños, baixo as pedras,
nas raigames escuras das olladas,
máis allá das escumas i os solpores.
Busco a verdade en ti, rexa poesía
dos homes que labouran,
taito real das cousas
que están e son, aunque ninguém as vexa.
Home total,
que vas e vés sin sombra polas rúas
e tes a túa verdade nos curutos
do mundo, no profundo da historia,
na esperiencia dun día calisquera,
e non ves os paxaros nin as nubes
nin as lonxíncoas maus do vento dondo
que acariñan o mundo dende sempre.
Investiga a verdade do teu tempo
í alcontrarás a túa poesía.
***
Celso Emilio Ferreiro
Celanova - Galiza
********************************
adelia prado(5)
adilia lopes(8)
al berto(6)
alba mendez(4)
anxos romeo(4)
augusto gil(4)
aurelino costa(11)
baldo ramos(6)
carlos vinagre(13)
daniel maia - pinto rodrigues(4)
fatima vale(10)
gastão cruz(5)
jaime rocha(5)
joana espain(10)
jose afonso(5)
jose regio(4)
maite dono(5)
manolo pipas(6)
maria lado(6)
mia couto(8)
miguel torga(4)
nuno judice(8)
olga novo(17)
pedro mexia(5)
pedro tamen(4)
sophia mello breyner andressen(7)
sylvia beirute(11)
tiago araujo(5)
yolanda castaño(10)
leitores amigos
leituras minhas
leituras interrompidas